Unha empresa familiar experta no sector apícola

Esta é a historia dunha empresa familiar con máis de medio século de experiencia, fundada por Manuel Macía, e na que toda a familia dedica os seus esforzos para conseguir uns produtos dunha calidade e características únicas. A sede da empresa sitúase na vivenda familiar, localizada no lugar das Estradas no municipio de Quiroga, ao sur de Lugo, e conta con varias alvarizas distribuídas en diferentes puntos dos municipios de Quiroga e Caurel. Encravados nun contorno privilexiado, ao lado da serra do Caurel, os canóns do Sil e dun montón de paraxes singulares como por exemplo o túnel romano de Montefurado, a variedade e riqueza da vexetación autóctona resultan nuns produtos con matices característicos e diferenciados.

A historia da empresa empeza fai máis de 50 anos. Por aquel entón, sendo Manuel un neno, o seu pai regaloulle tres colmeas tradicionais de cortiza coas que montaron unha pequena alvariza. Para iso as colmeas foron transportadas en burro dende a localidade de Outeiro ata a de Villarmiel. Aquel traxecto que durou unhas dúas horas converteríase no inicio dunha actividade que se perfeccionaría ao longo dos anos.

Segundo foi pasando o tempo o número de colmeas foi crecendo, ata a partida de Manuel a Suíza. Durante eses anos, nas tempadas que pasaba en España Manuel foi aumentando a cantidade de colmeas armando trampas para poder cazar a novos enxames.

Tras 16 anos emigrados no país alpino, Manuel e a súa muller Concha regresan a Galicia e aí é onde realmente a empresa despega. Por aquel entón a cantidade de colmeas ascendía xa a unhas 40 tradicionais de cortiza e outras tantas modernas. Nun proceso de mellora produtiva, as 40 colmeas tradicionais foron substituídas por colmeas modernas. A partir de aí o seu número empezou a medrar exponencialmente, ascendendo a cifra ata acadar unhas 300 colmeas.

No ano 2002 a cifra situábase xa en 600 colmeas repartidas en 12 alvarizas localizadas en diferentes situacións dos municipios de Quiroga e Caurel. Nese mesmo ano convertémonos no primeiro produtor de mel e pole ecolóxicos de toda Galicia. A produción foi subindo ata situarse actualmente nunhas 1500 colmeas distribuídas en 34 alvarizas distintas, producindo unha gran cantidade de mel e pole de diferentes variedades entre as que destacan o mel monofloral, mel de breixo, mel e pole de castiñeiro e o mel de silva.

O proceso de produción lévase a cabo con mimo e esmero, realizando durante todo o ano diversas actividades destinadas a que os enxames se encontren cómodos nas súas alvarizas e conten con todo o que necesitan para poder producir o seu prezado produto dourado. O mel de breixo empeza a recollerse das colmeas a principios de abril, durando o proceso ata finais de xuño. No caso do mel de castiñeiro e o de silva empézanse a recoller a principios de xullo e mantense a súa recolección ao longo do mes estival. Despois disto pásase polo proceso de extracción nas instalacións situadas no baixo da casa familiar. O devandito proceso consiste en extraer o mel dos favos recollidos nas diferentes alvarizas para pasar posteriormente a un proceso de decantación durante 5 días, destinado a eliminar posibles impurezas. Finalmente levamos a cabo o proceso de envasado e etiquetaxe, para dar lugar a envases de diferentes variedades e capacidades.

E como unha imaxe vale mis que mil palabras, un extracto do programa de TVE "Desde Galicia para el mundo", no que Manuel aparece falando das sas abellas e as sas alvarizas:

Se o vídeo tarda moito en cargar tamén o pode ver facendo click aquí:

Enlace permanente ó vídeo