Estamos situados nun contorno privilexiado

Non é difícil conseguir un produto bo cando te encontras rodeado de tantas cousas boas. E non cabe dúbida de que a nosa localización non podería ser mellor.

Situados no sur da provincia de Lugo practicamente na fronteira coa de Ourense, atopámonos por un lado co río Sil e polo outro coa serra do Caurel. O val de Quiroga goza dun microclima mediterráneo que lle brinda invernos menos húmidos e veráns máis cálidos que noutras partes de Galicia. Isto resulta na existencia de vexetación non presente no resto de bosques tipicamente atlánticos da comunidade galega. E permite que as nosas abellas teñan unha maior variedade de plantas onde elixir, o que se traduce nunha maior riqueza de matices nos nosos produtos.

O val de Quiroga supón unha zona fértil en medio das montañas lindantes, regada dende sempre polas augas do Sil que ademais lle proporcionaron unha grande importancia á zona xa dende os tempos dos romanos, nos cales se extraían prezadas pebidas de ouro da súa canle. Restos destas explotacións auríferas pódense atopar en distintos puntos dos concellos de Quiroga e Ribas do Sil, sendo a obra máis destacada de todas o túnel romano de Montefurado. Atraídos polo ouro do Sil, escavaron no medio da montaña este túnel no século II para desviar a canle do río e así poder extraer o ouro que quedara na antiga canle, agora seca. Orixinariamente tiña uns 120 metros de longo, 19 de ancho e 17 de alto, e 12,5 metros de profundidade. Actualmente só se conserva algo menos da metade do túnel (52 metros), xa que en 1934 se derrubou o resto debido a unha enchente do río.

Seguindo co Sil, non se nos pode esquecer que nos atopamos en plena Ribeira Sacra e ao lado dos famosos canóns do Sil, a través dos cales o río discorre serpeante entre abas empinadas nas que se localizan viñas que producen viños dunha calidade excelente. Durante millóns de anos o río foi escavando a súa canle nas duras rochas das montañas, xerando así esta paisaxe tan impresionante que todos os anos atrae miles de turistas. Preto de aquí existen multitude de miradoiros que nos permiten asomarnos a este espectáculo natural. E se o queremos ver dende a perspectiva oposta, tamén está a opción de dar un paseo en catamarán ao longo de diferentes tramos do río. Hai varios embarcadoiros situados en diferentes puntos do río dende os que parten catamaráns que realizan percorridos polas súas tranquilas augas, encaixadas entre as paredes laterais que forman as montañas.

E sen afastarnos demasiado de Quiroga tamén hai multitude de cousas para ver e para facer. Polas nosas terras pasa unha das ramas do camiño de Santiago, coñecida como Camiño de Inverno. O que non queira un reto tan grande e prefira algunha ruta para realizar nun día ou nunha tarde ten diferentes alternativas á súa disposición: a ruta das abellas, a do ouro e o aceite, as diferentes rutas da Seara, a da Encomenda... Estas rutas articúlanse en torno a paraxes, monumentos, produtos e lugares característicos da zona, como por exemplo o muíño de aceite de Bendilló, o castelo de Torrenovaes e a torre da Encomenda, a aldea rehabilitada da Seara ou o pregamento de Campodola-Leixazós. Para o viaxeiro que queira actividades máis tranquilas existen dous museos que se poden visitar, o Etnográfico e o Xeolóxico. E tamén se celebran ao longo do ano tres feiras baseadas nos tres produtos típicos da zona: aceite (a finais de febreiro-principios de marzo), viño (en semana santa) e mel (a principios de agosto).

Cara ao outro lado temos a serra do Caurel, que goza de recoñecemento máis alá das nosas fronteiras. As súas montañas, os seus ríos e regueiros, as súas casas rurais, os seus pobos con encanto, a devesa de Rogueira, os seus bosques e as súas diferentes rutas de sendeirismo son unha opción máis que recomendada se se quere facer turismo de natureza. Cada ano chegan multitude de turistas que volven ás súas casas namorados do encanto destas terras. E non só a paisaxe atrae. A gastronomía tamén é un dos seus puntos fortes, destacando os produtos resultantes da matanza do porco ou as castañas e produtos confeccionados con elas como ingrediente principal.